Reformulación dun espazo público: de rúa a praza. Pavimentación da Praza do Curro | Salgado+Liñares

A Praza do Curro foi tradicionalmente o principal espazo público de actividade ao aire libre do casco histórico de Noia. A devandita actividade, manifesta no mercado de cada xoves e domingo, dotouna dun vigor excepcional, incapaz con todo de conter a constante e acusado deterioración á que se viu sometida a praza nestes últimos corenta anos.

Por un lado, novos e insolentes edificios, todos eles fóra de escala, viñeron a substituír a gran parte do casarío tradicional, por outro, o espazo ocupouse con todo tipo de inconexos pavimentos, por último, os coches colonizaron o espazo, que deveu as máis das veces en simple aparcadoiro. É dicir, o ámbito desembocou nun conxunto de inconexos retallos que sobrevive.

Así as cousas, xa no inicio do proxecto entendemos que a nosa intervención non podería ser neutra, é dicir, debería realizarse coa debida contundencia, co fin de impoñerse á vulgaridade das fachadas. Por fortuna, contabamos coa magnífica proporción do espazo.

O proxecto, co fin principal de recuperar o carácter estancial da praza, abordou de xeito principal as seguintes cuestións:

– Substitución de todos os pavimentos.

– Resolución dos distintos desniveis e dos accesos aos edificios, e en especial, do acceso ao Coliseo Noela.

– Reposición de todas as instalacións e novo trazado.

– Reordenación do tráfico e definición dun ámbito acoutado de carga e descarga.

Partiamos dun bo número de lousas de granito a reutilizar, se ben moi escaso para facelo extensivo a todo o ámbito. E do problema da escaseza xurdiu a solución: un pavimento de pedra-formigón lavado que ademais de recoller a dualidade arquitectónica do ambiente presentase unha personalidade suficiente como para impoñerse á deterioración das fachadas.

E o proceso foi como segue:

– Serramos en sentido lonxitudinal as grosas lousas de pedra, co fin de obter dúas caras de traballo que permitisen un correcto encontro co formigón. Isto derivou nunha morea de dobres e simétricas pedras, é dicir, derivou na individualización de cada par de pedras, e na introdución no conxunto dunha benvida e sorprendente figuración. Así mesmo, o devandito proceso permitiunos reutilizar grandes lousas de casqueiros e pezas sobrantes de taller, cortadas ben con máquina de disco -de anchura máxima 1,20m-, ben con máquina de fío – sen limitación de dimensión.

– Optamos por un formigón realizado en obra con cemento branco e árido escollido, de diferentes tamaños e cores, negro ou branco: catro tons distintos de formigón e diferentes texturas segundo a intensidade do lavado.

– Fixemos coincidir as xuntas de construción coas xuntas de retracción, de tal forma que o formigonado alterno evitase o corte posterior do formigón.

– Reservamos para certos ámbitos un pavimento de lousas de granito sen xunta, a óso, en franca contradición co resto do pavimento.

– Definimos unha nova escalinata de acceso ao Coliseo Noela.

– Integramos no pavimento, nas súas liñas de forza, as recollidas de pluviais, con encofrados realizados ben con poliestireno, ben con madeira, que remitiran á sección dos chanzos do Coliseo.

– Acoutamos un espazo para carga e descarga, na entrada dende a Carreiriña, que libera tres cuartos da superficie para uso exclusivo do peón, é dicir, das persoas.

O proceso de obra durou doce meses e organizouse en dúas fases, a segunda delas realizada por administración, con empregados do Concello. Unha experiencia estupenda que repetiriamos con gusto.

E ao fondo, as magníficas laudas de Santa María Nova, que como o Macguffin de Hitchcock sobrevoan a trama.

Obra: Reformulación dun espazo público: de rúa a praza. Pavimentación da Praza do Curro
Emplazamiento: Praza do Curro, Noia, A Coruña, Galicia, España.
Data: Finalización obra, 30 de xullo 2014.
Autores: Salgado e Liñares arquitectos (Alfonso Salgado, Francisco Liñares e Santiago Rey)
Colaboradores: Manuel Liñares Túñez, enxeñeiro industrial. Miguel Ángel Raposo Rodríguez, enxeñeiro industrial. Carla Agra García, arquitecta. Jaime Novoa Míguez, arquitecto. Sergio Sánchez Alcalde, delineante.
Promotor: Concello de Noia.
Constructor: Fase 1-Construcciones CES, S.L | Fase 2-Obra pola Administración
PEM: 398230,66 euros
Fotografías: Estado previo: Salgado+Liñares / Estado final: Héctor Santos-Díez | BISimages
+ salgadoeliñares.com

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arquitectura, espacio publico, intervención urbana, obras

Tags: , , , , , , , , , , , , , ,