Motor de Modernidade

En 1951 constitúese en Barcelona o Grup R, unha asociación cuxo obxectivo, segundo o primeiro dos artigos dos seus estatutos, é “o estudo e divulgación dos problemas da arte contemporánea e en especial da arquitectura”. Baixo a letra R, capitular de Renovación e Recuperación cultural e arquitectónica, o Grupo reunía membros de dúas xeracións de arquitectos: os que iniciaron os seus estudos inmediatamente antes da Guerra Civil e os que o fixeron ao rematar a contenda. Dúas xeracións entrelazadas polo GATCPAC, como primeiro referente, e os conceptos herdados da revista AC e pola sofisticación que desprendía a revista D’ací d’allà. Uníaos tamén o interese común por promover unha arquitectura internacional a partir do movemento moderno e da súa crítica posterior, fronte ao panorama arquitectónico do primeiro período do franquismo.

Esta exposición rememora as ideas e as obras deste conxunto de arquitectos, cuxa acción contribuíu a consolidar unha versión propia da estética moderna baixo o réxime franquista. As súas construcións -hoxe bos exemplos do patrimonio arquitectónico moderno- e sobre todo as exposicións e os debates que organizaron, alimentaron e internacionalizaron a cultura catalá daquel momento, politicamente moi escuro, pero creativamente moi dinámico. Comisariada por Fernando Marzá, a exposición proponse resituar no presente un episodio esencial para entender as tensións entre modernidade e vangarda no noso país dende a segunda metade do século XX ata os nosos días.

Constituíron o Grup R Oriol Bohigas, José Antonio Coderch, Joaquim Gili, Josep M. Martorell, Antoni de Moragas, Josep Pratmarsó, Josep M. Sostres e Manuel Valls. En 1955 ingresan oficialmente Guillermo Giráldez, Josep Antoni Balcells, Manuel Ribas e Joaquim Bassó e danse de baixa oficialmente Coderch e Valls. Finalmente, en 1958 ingresan Pau Monguió e Francesc Vayreda.

Durante a súa traxectoria o Grup R contou coa colaboración de Ricard Giralt Miracle e de Joan Josep Tharrats para o grafismo e de Francesc Català-Roca para a fotografía.

Datas: 6 de febreiro – 24 de xuño de 2014. Comisario: Fernando Marzá. Organización e produción: Museu d’Art Contemporani de Barcelona (MACBA).

+ info

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: evento, exposiciones

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,