María López Mata – Juan Carlos Mancho Trigo · Deseño | MV

Tras o descanso estival, quizais demasiado prolongado, retomamos a sección, con novos protagonistas. Se na anterior entrevista nos achegamos ao campo da fotografía, hoxe aproximámonos a outro dos campos prolíficos o deseño.

Ao longo da historia da arquitectura contemporánea podemos encontrar exemplos magníficos desta asociación, e da que xurdiron pezas (cadeiras, mesas, hamacas, etc.) emblemáticas. Mestres como Le Corbusier, Mies van der Rohe, Alvar Aalto, Charles&Ray Eames, Verner Panton, George Nelson etc. enumeralos a todos sería imposible, estudaron e deseño durante a súa prolífica carreira pezas de mobiliario.

Por iso hoxe, entrevistaremos a María López e Juan Carlos Mancho, arquitectos, que teñen decido unir dúas paixóns, que deron como resultado MV.

MV sxurdiu do xogo inconsciente, da dobra espontánea dunha folla de papel, da mesma forma que un esborrancha mentres fala por teléfono. Comezamos a xogar co que tiñamos a man, co que formaba parte da nosa actividade cotiá. O papel, máis alá de ser un soporte de ideas e proxectos converteuse nun instrumento de xogo que se retorcía, dobraba, enrolaba ou engurraba e, ás veces, tamén se rompía.”

Este xesto tan natural xa o explicaba Nicole Charneau “Dálle a un neno unha folla en branco e -se non ten lapis de cores para debuxar- o seu primeiro xesto será pregar. E é dende esa naturalidade con trabállana María e Juan Carlos, e así quérennolos transmitir.

“A través dese acto espontáneo descubrimos a técnica para seguir xogando. O método de dobrado é sinxelo, componse de xestos e dobras básicas, Montañas e Vales que se suceden para xerar distintos graos de complexidade. Aparecen novos retos dobrando e desdobrando, unha e outra vez, proba e erro. O prego de papel, aparentemente liso e plano, convértese nunha oportunidade, nun material para crear.”

Deixámosvos con esta pequena entrevista que tivemos a sorte de realizar e á que amablemente estiveron dispostos a concedernos.

Lámpada Centoliña | MV

¿Cal foi a vosa formación e traxectoria profesional previa a MV?

Somos arquitectos pola ETSAC da Coruña e completamos durante un ano a nosa formación na ETSAV do Vallés, Barcelona. Traballamos en distintos estudos e como autónomos, colaborando ademais, con outros compañeiros en diferentes proxectos de arquitectura, urbanismo e investigación.

¿Que vos levou a abrirvos camiño no deseño de mobiliario?¿Por que só luminarias?

MV nace como unha prolongación da nosa profesión de arquitectos, como un “cuarto propio” onde experimentar libremente. É a oportunidade de poder materializar unha idea, poder decidir e participar en todas as fases do proceso. Un proceso de exploración aberto no que non había unha idea predefinida sobre que obxecto deseñar, simplemente o proceso conduciunos a el, o que hoxe son lámpadas mañá poderían ser outros mobles ou obxectos.

As lámpadas xorden da manipulación do papel, da pregadura, de como o material se expresaba de forma diferente coa luz. Tamén da capacidade desta para modificar lugares, para crear espazos dentro de espazos e, como non, da necesidade, naquel momento facíanos falta unha lámpada.

¿Encontrástesvos con moitas dificultades?¿Cales foron as máis problemáticas?

As dificultades propias de levar a cabo calquera proxecto, de converter as ideas en realidade. Nese proceso necesitabamos da axuda doutras persoas, nese sentido, encontrar un carpinteiro ou un torneiro (profesión en perigo de extinción) non foi nada doado, pero non obstante sorprendeunos a súa disposición a colaborar nun proxecto pequeno cunha produción moi modesta.

¿Estades contentos cos obxectivos alcanzados?

Si, sobre todo porque a través do proceso aprendemos novas disciplinas e estableceu relacións con outros proxectos, profesionais e clientes.

Preoceso, lámpada Centoliña | MV

¿Considerades que estudar Arquitectura foi un pasaporte fundamental para chegar ao voso traballo actual?

Se, especialmente na fase de deseño e elaboración, máis adiante no que é a produción, xestión ou mercadotecnia fomos conscientes das nosas limitacións e buscamos axuda para solucionalo.

¿Que expectativas e proxectos de futuro tedes para MV?

MV é un proxecto recente e aínda estamos a sacar conclusións para avanzar, mellorar e desenvolver novos retos.

Lámpada Centoliña | MV

¿Animaríades a outros arquitectos a seguir os vosos pasos? ¿Que pasos considerades que deberían dar? ¿Como completar os seus estudos? ¿Que outros consellos lles darías?

Animamos calquera persoa, a confiar e apostar por aquilo no que cre e lle apaixona. Nós reivindicamos o valor das pequenas cousas, ás veces non é posible entregarse totalmente a unha actividade, pero si que resulta máis doado reservar unha parcela para desenvolver aquilo no que cremos.

Se tivésemos que dar un consello sería o de atreverse a preguntar. Ninguén sabe de todo, pero hai moita xente disposta a compartir os seus coñecementos e experiencias. Ao final, son esas relacións cos demais as que enriquecen o proxecto.

¿Credes que os arquitectos en España deberiamos seguir abrindo novas vías de traballo para saír da casa máis “tradicional” de proxectar dada a actual situación da construción no noso país?

Cremos que independentemente da situación actual, o arquitecto é un profesional que ten capacidade para intervir en moitos campos, pero non xa como figura illada senón como parte integrante dun equipo.

Pezas para a montaxe da lámpada Centoliña | MV

¿Que opinades dos que se foron a traballar ao estranxeiro?

Nós estivemos fóra hai uns anos. Tratábase dunha elección persoal e non de algo imposto. Actualmente as oportunidades de traballo aquí son escasas, o que obriga a buscalas fóra. É difícil ver como tanto talento non se pode desenvolver despois de todo o esforzo e recursos invertidos, o que fai que a situación aquí siga empeorando. Nós a día de hoxe non descartamos esa posibilidade.

¿Como vedes o futuro da profesión?

Pois agora mesmo incerto, pero creemos que o mellor que podemos facer como arquitectos é, dalgún xeito, volver á orixe, recuperar o que debería ser un obxectivo invariable: mellorar a vida das persoas..

Lámpada Centoliña

María López Mata – Juan Carlos Mancho Trigo · Deseño | MV
outubro 2014

Entrevista realizada por Ana Barreiro Blanco e Alberto Alonso Oro. Agradecer a María e a Juan Carlos o seu tempo e predisposición con este espazo.

Alberto Alonso Oro

Arquitecto y editor en veredes, arquitectura y divulgación. Invernalia es un buen lugar. A veces escribo en Fundacion Arquia.

follow me

Arquivado en: Alberto Alonso Oro, Ana Barreiro Blanco, baliza

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , ,