Manuel Gallego. Arquitectura 1967 – 2015

A Fundación Barrié ofrece na súa sede da Coruña, desde o 18 de novembro e ata o 10 de abril de 2016, un novo proxecto cultural e educativo: a exposición MANUEL GALLEGO. Arquitectura 1969-2015, a primeira retrospectiva do arquitecto galego e Premio Nacional de Arquitectura (1997). A exposición, comisariada polo propio autor e deseñada polo arquitecto e fotógrafo Pablo G. Picard, é unha produción propia da Fundación Barrié, organizada en colaboración co estudio de Manuel Gallego Jorreto.

A Fundación Barrié complementa este proxecto coa edición dunha publicación e cun amplo programa educativo gratuíto, para todos os públicos, arredor da obra de Manuel Gallego con campamentos de Nadal, obradoiros para familias e escolares, visitas guiadas e un ciclo de confererencias. 

Manuel Gallego. Arquitectura 1967 - 2015

A exposición componse por unha escolma de proxectos construídos e propón crear un fío argumental que permita desenvolver un discurso que facilite e provoque olladas diversas sobre a arquitectura, aproximándose así á súa complexidade. Para iso sublíñanse algúns dos argumentos conceptuais que foron a base destas arquitecturas: a idea e o contexto. A idea como soporte conceptual da arquitectura, como argumento que ordena a súa materialidade, a súa construción, o seu uso, a súa forma e o seu significado. E o contexto, no seu senso máis amplo, como o lugar físico onde se sitúa a construción, mais tamén como esa paisaxe que é expresión dunha orde sobre un territorio. É dicir, trátase de amosar as forzas exteriores e interiores que dominan o proxecto, desde o que chamamos espírito do lugar ata a idea máis abstracta que ordena e lle dá unha intención á arquitectura.

Para iso cada obra seleccionada define na exposición un lugar propio que nos lembra que a arquitectura é a creación dun lugar para usar e vivir. Nese espazo delimitado sobresae un gran plano de situación como representación e expresión sintética do contexto da obra (do seu territorio), unha serie de esquemas ou debuxos orixinais que, xunto a un breve texto, axudan a precisar as forzas (ideas) que condicionan e forman esa determinada arquitectura. Acompañados á súa vez dun crebacabezas de imaxes (12-15 por proxecto) que permiten ver a obra desde diferentes ángulos, amosando aproximacións da materialidade e a linguaxe utilizada, e se acaso dunha maqueta (máis conceptual e expresiva das ideas e intencións perseguidas que representación realista), ofrécese ao visitante unha visión conxunta sobre o ambiente e o espazo proposto en cada obra, ao mesmo tempo que unha reflexión sobre as relacións complexas que a arquitectura establece entre ambos conceptos.

En termos xerais a totalidade dos proxectos expostos organízanse a través de dous grandes apartados temáticos: a Arquitectura da vivenda e a Arquitectura dos espazos de uso colectivos. Coherente cun espazo expositivo dividido en dúas plantas, e unha cronoloxía onde predomina un primeiro período de construción de vivenda que dá paso a unha época posterior de maior desenvolvemento de edificios públicos e equipamentos, na planta -1 de menor tamaño sitúanse os proxectos residenciais máis significativos (seis), coincidentes cos inicios da carreira do autor, e na planta -2, máis ampla, amósanse aquelas intervencións públicas (dezaseis) realizadas polo autor desde 1979 ata a data.

Por último, nese intento por entender como as formas e as arquitecturas chegaron a ser o que son e o porqué das forzas que as provocaron, na totalidade das salas amósase en gran formato un conxunto de imaxes cuxo ambiente (luz) axuda a establecer relacións entre as diferentes obras, así como crear o clima conxunto para orientarse no espazo expositivo.

Presentes as obras máis representativas do autor, como son a vivenda unifamiliar de Corrubedo (1970) ou no Carballo (1979), os premiados Museo de Belas Artes da Coruña (1997) e Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela (2012), ou os igualmente coñecidos Complexo Presidencial de Galicia (2002) e Centro Cultural e Concello da Illa de Arousa (2005-2008), a retrospectiva acompáñase doutros proxectos menos coñecidos pero igualmente brillantes como son: a Lonxa de Lira (2008), o Centro Cultural en Ourense (2009) ou o Museo do Papel do Carballiño (2004). 

Cun total de 22 proxectos, 16 deles coa súa respectiva maqueta, xunto a unha ampla información gráfica e fotográfica e un breve texto explicativo. A totalidade do espazo expositivo comprende un total de 24 planos de gran formato, debuxados de novo os máis deles para a ocasión, máis de 400 fotografías organizadas en diferentes polidípticos por proxecto, e 16 fotos de gran tamaño. O conxunto irá acompañado pola proxección de dous vídeos sobre o autor: Polo territorio da arquitectura con Manuel Gallego, producido pola TVG (2006), e o de máis recente produción Mestres da Arquitectura, Fundación Arquia (2015).

MANUEL GALLEGO. Arquitectura 1969-2015
Inauguración:18 novembro 2015
Clausura: 10 abril de 2016
Fundación Barrié. A Coruña, Galicia, España

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: evento, exposiciones

Tags: , , , , , , , , ,