A Roiba | Jorge Meijide

A Roiba | Fotografía: Jorge Meijide

A Roiba

Un refuxio é un refuxio é un refuxio. Como a rosa do poema da Stein, unha casa non pode -non debe- evitar ser parte do que en orixe todas as casas son: refuxios; as cousas son o que son -as casas son o que son-, e unha casa nace sempre, no seu foro interno, na súa noz, como refuxio, como acubillo. A Roiba é así, e niso é pura e orixinal.

O panorama da chamada vivenda unifamiliar, termo que detesto amable e educadamente -e outro día direi o porqué-, estivo e estará enchido de cuasi infinitos exemplos nos que consideracións de carácter secundario e espurias, priman sobre as básicas ou transcendentes; así, imaxe, representatividade, ostentación, vulgaridade, lilainas insulsas ou o moi galego feísmo -palabro interesante onde os haxa-, e os epítetos aplicables poden ser innumerables e variados -hai as ata bonitas-, inundan o panorama dos nosos suburbios e arredores, facendo que estas construcións perdan unha parte importante da súa esencia inicial, da súa veracidade e do seu interese. Ben certo é que non todas as casas poden ser iconas da modernidade nin propostas rompedoras, nin todas o pretenden, pero parece que dun tempo a esta parte moitas o anhelan, e claro, pérdense no intento.

A Roiba, en cambio, ten todo iso moi claro e moi ben aprendido. É unha obra madura, Molezún contaba xa con 45 anos cando a proxecta e constrúe e unha carreira xa sobradamente recoñecida, nacional e internacional; por iso ten moi claro a súa dirección, ten claro o norte, o sur, o leste e o oeste e os ventos que recibe e dos que abeirarse e ten moi claro o que unha casa debe ser. A situación, a disposición, as necesidades e a resposta a todo iso encaixa na súa xusta medida. A Roiba non dá unha resposta fría e racional aos condicionantes, é emotiva, directa e amable, acolle e recolle. A Roiba é a redución á pura esencia do feito de habitar, mínimo e protector. Por iso crece de dentro cara a fose, emanándose como a cuncha das bucinas, protectora e acolledora, na que se pode estar dentro pero na que tamén se pode estar fóra, ao exterior, ao tempo que unido ao seu interior. E este é conciso, económico de espazo, pero o seu exterior é extenso, aberto e infinito. Molezún érao.

Ramón Molezún fixo gala da súa desbordante capacidade creativa en toda a súa carreira. Non era, e segue hoxe sen selo, doadamente encasillable nin clasificable. A súa obra era el mesmo e con el foise o xenio, pero déixanos a súa construción. A Roiba É Ramón Molezún e non é doado visitala, vela, admirala, percorrela ou usala sen telo a el presente.

A Roiba é perfecta, responde ben a todo, dende a formulación, á situación e ao seu uso, e se me apurades, tamén á súa construción, a pesar do que agora aquí nos trae. É un exemplo de arquitectura en letra minúscula que se converte, seguramente sen desexalo, en maiúscula. En maiúscula polos seus méritos propios e tamén, inútil é negalo, polo gran demérito co que poida compararse. Non é necesario ler moito a súa planta para decatarse de que a casa se habita ben, case soa; déixase, permite, ser habitada coa mesma humildade e seguridade coa que foi pensada.

A Roiba vive en relación directa e inseparable co seu ámbito, como debe ser, por iso enténdoa como a un ser sensible, consciente de se mesmo, que se ofrece aberta á vida dos que a habitan. Por iso é o que é, porque vive -vívese- á vez cos seus propietarios, cos seus visitantes e con quen a observa e a entende. Porque entender, como comprender, é un acto que require absorción e destilación, e de ambas as dúas xorde a esencia, a esencia diso que case non existe, diso que chamamos Arquitectura. A Roiba é algo máis que unha construción: é memoria construída de arquitectura e vida, que no fondo son case, case, o mesmo. Así, sen máis.

jorge meijide . arquitecto

bueu. xullo 2014

Arquitecto por la ETSA de A Coruña desde 1991. Colabora en el estudio de Juan Navarro Baldeweg entre 1991 y 1992. Máster de proyectos integrados por la fundación camuñas, madrid 1992. A la vuelta A Coruña se incorpora al estudio de su padre, Carlos E. Meijide Calvo con el que trabaja hasta 2001. Desde 2004 hasta 2009 colabora con los arquitectos Patricia de Marichalar y Fernando Martínez. En el año 2009 forma, junto con Patricia de Marichalar meijidedemarichalar arquitectos.

Desde 2014 trabaja en solitario colaborando con estudios y arquitectos amigos. Es profesor de proyectos arquitectónicos en la Escuela Técnica superior de Arquitectura de A Coruña desde 1997; es tutor de proyecto fin de carrera y ha sido presidente del tribunal de PFC. Colabora con blogs y publicaciones de arquitectura.

follow me

Arquivado en: faro, Jorge Meijide

Tags: , , , , , , , , , , ,