A beleza do feo | Íñigo García Odiaga

5 (100%) 1 vote

Pavillón de verán da Serpentine Gallery, 2012, Herzog & de Meuron

Como aconteceu todos os anos dende o 2000, o 1 de xuño de 2012 abriuse ao público o pavillón de verán da Serpentine Gallery de Londres. O Pavillón de 2012 foi realizado polos arquitectos suízos Herzog & de Meuron en colaboración co artista chinés Ai Weiwei. O equipo que foi responsable do edificio máis emblemático dos Xogos Olímpicos de Beijing 2008, o niño, o Estadio Olímpico, reúnese de novo en Londres en 2012 para resolver o reto da Serpentine, unha cita marcada xa no calendario arquitectónico e que pretende revivir no Londres 2012, unha especie de olimpíada cultural.

A idea de construír un pavillón de verán nos xardíns de Kensington que rodean a Serpentine Gallery partiu no ano 2000 da directora da entidade Julia Peyton-Jones e co paso do tempo converteuse nun evento internacional para a experimentación arquitectónica e presentou propostas dalgúns dos mellores arquitectos do mundo. Cada pavillón constrúese no xardín da galería durante tres meses e son os puntos de partida como a inmediatez, o efémero, así como o tempo dedicado para proxectalo cun máximo de seis meses entre o convite e a inauguración do pavillón, o que proporciona un modelo único no mundo.

Pavillón de verán da Serpentine Gallery, 2012, Herzog & de Meuron

O pavillón, ao ser unha estrutura temporal, sen programa, aberta e de forma libre, dá liberdade aos deseñadores para maximizar a innovación, para construír un manifesto, unha obra que poida reflectir o pensamento crítico do autor, a súa postura ante o momento actual e o futuro da arquitectura, a paisaxe ou a natureza.

É precisamente esta postura de manifesto a que outorga máis valor a este evento e aínda que pareza contraditorio, non todos os pavillóns levantados estes 12 anos conseguiron acertar con esa mensaxe. Toyo Ito no 2002, ou SANAA no 2009 conseguiron construír pavillóns que propuxeron un discurso, unha postura, máis que unha edificación. De igual modo Peter Zumthor na edición do ano pasado logrou trasladar aos xardíns londinienses gran parte do seu ideario, formalizando un claustro contemporáneo capaz de xerar unha atmosfera interior independente da cidade que o rodeaba. Pero a historia destas arquitecturas efémeras tamén ten os seus pequenos fracasos como o de Oscar Niemeyer no 2003 ou o de MVRDV no 2004. O talvez a máis rechamante, de Álvaro Siza e Eduardo Souto de Moura en 2005, cuxa jaima tecnolóxica, máis alá do interese propio do proxecto, distaba moito dos seus percorridos persoais e resultaba inexplicable como un resumo concentrado da proposta dos dous mestres portugueses.

O pavillón deste ano, que permanecerá aberto ata o 14 outubro, reflicte ben a súa condición de postura intelectual. De feito o edificio podería ser cualificado como feo, abrupto ou se se quere díscolo, pero non se pode pola contra negar a súa condición de ideario, de proposta ideolóxica.

O Pavillón deste ano leva os visitantes por debaixo do céspede do xardín da Serpentine, para explorar a historia oculta dos seus pavillóns anteriores. Once columnas que caracterizan a cada pavillón do pasado e unha columna que representa a duodécima estrutura, a actual, dan apoio a un teito plataforma flotante que se encontra a 1,4 metros por enriba dos prados de Kensington. A cuberta recorda a que os arqueólogos colocan para protexer os seus descubrimentos durante unha expedición. Flota por enriba da herba do parque, e permite que se estanque sobre ela unha lámina de auga de 15 cms, chea de auga, convértese nun espello que reflicte os ceos atmosféricos de Londres. Para eventos especiais, a auga pode ser drenada e así a cuberta transfórmase nunha pista de baile, nun escenario ou simplemente nunha plataforma suspendida por enriba do parque.

Pavillón de verán da Serpentine Gallery, 2012, Herzog & de Meuron

O interior do pavillón está revestido de cortiza, un material de construción sostible e barato, elixido para lanzar esta mensaxe e para representar a condición de terra escavada do interior do pavillón.

Tal e comocomentou Jacques Herzog:

“A medida que escavamos na terra encontrámonos cunha diversidade de realidades construídas, tales como cables de teléfono, conducións de auga, eléctricas ou cimentacións anteriores. Ao igual que un equipo de arqueólogos, identifícanse estes fragmentos físicos como os restos dos once pavillóns construídos entre 2000 e 2011. A súa forma varía: circulares, longos e estreitos, puntais ou grandes buratos. Estes restos dan testemuño da existencia dos pavillóns antigos e a súa maior ou menor intervención no ámbito natural do parque.”

Os vellos alicerces forman unha maraña de liñas retorcidas, unha paisaxe distintiva a xeito de ruínas arqueolóxicas pero neste caso ruínas de extrema modernidade. A realidade en tres dimensións desta paisaxe é impresionante e é un lugar perfecto para sentarse, pararse, deitarse ou simplemente mirar. Noutras palabras, é o ambiente ideal para seguir facendo o que os visitantes viñeron facendo nos Pavillóns da Serpentine Gallery nos últimos once anos.

Este pavillón fala do lugar, do terreo, do chan que pisamos e de como a arquitectura o afecta, pero tamén fala da beleza daquelas cousas que nunca se pensaron para ser vistas como as cimentacións. As cimentacións non teñen ornamento, son expresión directa dunha necesidade e talvez nesa austeridade do feo, do esencial, estea precisamente a súa beleza, ao igual que no pavillón de Herzog, de Meuron e Ai Weiwei.

Pavillón de verán da Serpentine Gallery, 2012, Herzog & de Meuron

íñigo garcía odiaga . arquitecto

san sebastián. xuño 2007

Publicado en ZAZPIKA 12.06.07

Íñigo García Odiaga

Arquitecto. Editor de NOMU. 1/5 del estudio de arquitectura VAUMM. Vivo en Donosti.

follow me

Arquivado en: artigos, Íñigo García Odiaga

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , ,