A arquitectura pública en Madrid e no inicio do século XXI (II) | Antón Capitel

Edificio de aulario da UNED nas antigas Escolas Pías, de Linazasoro

As tres realizacións para a UNED en Lavapiés por parte de Linazasoro son tamén moi cualificadas. Digo 3, porque está o edificio de oficinas e ensino, a rehabilitación da ruína da Igrexa para biblioteca e o deseño da praza. Foi tamén un lugar no que a boa arquitectura contribúe notoriamente a unha importante mellora da cidade. O edificio ten un volume urbano completamente convencional como tal volume, pero absolutamente cualificado por unha fachada enormemente lograda, que pode defenderse mesmo como un exemplo paradigmático para a zona antiga, de

Na rehabilitación da Igrexa para Biblioteca, tomouse a posición de valorar a ruína existente como tal ruína; isto é, valorando o seu gran dramatismo e monumentalidade, e superpoñéndolle os elementos necesarios para a rehabilitación segundo unha idea de contraste moderno. Podería terse tomado outro método, ou outro punto de vista, pero, dado o excelente resultado, é posible afirmar que este fose, probablemente, o mellor posible. Punto de vista, coincidente, por outro lado, coa convención contemporánea que se considera máis axeitada e “ortodoxa”, polo que non pode dar lugar á protesta de ninguén. Esta actuación paréceme exemplar no seu conxunto, e tanto dende o aspecto institucional como dende o urbano e arquitectónico.

O Museo para as Coleccións Reais, de Mansilla e Tuñón (produto dun concurso que tivo aspectos moi conflitivos entre os participantes, como se recordará) está aínda en marcha, como é ben sabido, aínda que pode verse xa tanto a súa pegada sobre a imaxe da cornixa histórica madrileña, como (se se visita) o aspecto esencial dos seus futuros interiores. Aínda que sei que as mentalidades conservadoras, e en boa media ignorantes, dirán (e xa dixeron) que o edificio empeora, ou atenta (coma se fose un terrorista) contra a imaxe desa cornixa, iso non é verdade, como pode comprobar quen vaia velo e teña un mínimo criterio. O que si que atenta, verdadeiramente, contra a imaxe da cornixa é a torpe neo-catedral, e isto xa non ten remedio ningún.

Museo das Coleccións Reais, de Moreno Mansilla e Tuñón

A visión externa do novo museo, a xeito dunha base para un templo que non llo merece e que continúa con eficacia o do Pazo Real, consegue formular unha convención moderna en canto á imaxe -neutralidade figurativa, simplicidade, abstracción,…- e lograr que, ao tempo, esta se converta, igualmente, nunha imaxe con certo carácter clásico, concretamente dórico, nunha poderosa e atractiva columnata que non pretende outra cousa que a manifestación da súa obsesiva e lograda cadencia. É unha imaxe que non é nin antiga nin moderna, ou que -se se prefire- é as dúas cousas. E está tan atenta ao seu importante lugar como ao tempo en que se produce.

Se son leal á realidade, hei de recoñecer, non obstante, que non me pareceu tan ben a visión externa menos importante; isto é, a que é lateral e próxima e dá á costa da Veiga. Aí os arquitectos deixáronse levar pola idea de exhibir a sección e isto non me pareceu logrado. É un xesto moderno que considero erróneo; creo que era mellor preguntarse polo modo no que o tema principal podía dar a volta á súa esquina, tal e como facían os arquitectos clásicos.

Pero, por outro lado, están tamén os interiores deste edificio, concibido con toda lóxica como o que en realidade é, un gran muro de contención, e é preciso recoñecer que estes, na súa simplicidade, son espléndidos. Como xa dixen, poden apreciarse agora na súa esencia aínda que non estean acabados, e aínda que lles falten as xoias que no seu día van conter e que aumentarán moito o seu atractivo.

(continuará…)

Antonio González-Capitel Martínez · Doutor arquitecto · catedrático en ETSAM

Madrid · marzo 2013

Antón Capitel

Es arquitecto y catedrático de Proyectos de la Escuela de Arquitectura de Madrid, fue director de la revista Arquitectura (COAM) de 1981-86 y de 2001-09. Historiador, ensayista y crítico, ha publicado numerosos artículos en revistas españolas y extranjeras sobre arquitectura española e internacional. Entre sus libros destacan diferentes monografías sobre arquitectos.

follow me

Arquivado en: Antón Capitel, faro

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , ,