A arquitectura do lugar | Íñigo García Odiaga

Vivenda unifamiliar construida por Carlos Quintáns na Serra do Courel

A explosión da arquitectura do espectáculo está directamente ligada aos fenómenos urbanos e talvez por problemas de escala, presuposto ou función eclipsou o debate arquitectónico do rural. Nestes ámbitos a arquitectura contemporánea máis comprometida trata de establecer novos vínculos co contexto a través da actualización da tradición local.

Durante posiblemente demasiado tempo os ámbitos rurais e as obras que se desenvolveron nestes lugares pasaron desapercibidas no debate arquitectónico. A grandiosidade dos faraónicos proxectos das metrópoles arrastraron o debate teórico cara ao feito urbano. O seu crecemento, a súa sostibilidade, as mega urbes ou o social son os problemas específicos da cidade que acapararon o discurso arquitectónico. Dalgún xeito esta situación afastou o debate da cotianeidade que supón na práctica proxectar unha vivenda ou un pequeno proxecto nun núcleo rural.

Nestes contextos a arquitectura sempre tivo que loitar para propoñer novas solucións cun ambiente baseado na continuidade dunha tradición, duns modos de facer que deron lugar ás diferentes tipoloxías de arquitectura tradicional e que impregnan de forma contundente o imaxinario dos habitantes destes ámbitos rurais.

Ninguén pode criticar a arquitectura vernácula, unha arquitectura cuxa estrutura interna foi construída durante séculos a través dun proceso evolutivo, no que as solucións se foron perfeccionando para adaptarse máis e mellor aos condicionantes dun ámbito determinado, ata chegar a un estado no que a arquitectura tradicional e a súa paisaxe se confunden e se fan indivisibles.

Sen lugar a dúbidas o problema actual das obras que se constrúen no medio rural deriva dunha mala interpretación desta identificación entre unha determinada arquitectura e o seu lugar. Esta dinámica colocou por diante das claves, dos acertos, da esencia da arquitectura tradicional a súa propia imaxe, sen entender que a imaxe é un resultado e non un método de adecuación da arquitectura ao lugar.

Para a arquitectura contemporánea que actúa nestes contextos tan cargados de memoria, o existente é a realidade na que ten que operar e desenvolver o proxecto. O proxecto necesita respectar os modos, as conclusións alcanzadas pola tradición, para poder actualizalas a unha linguaxe e a unha práctica construtiva actual; isto supón manter viva e en desenvolvemento a arquitectura do lugar e achegar un paso máis ao proceso evolutivo que xerou esa arquitectura que hoxe chamamos tradicional.

En definitiva trátase de readaptar o vernáculo, trátase de ler as condicións de ámbito e integrarse nel respectando os equilibrios do contexto. Trátase de propoñer algo novo dentro do proceso continuado que xerou ese ámbito, partindo non dunha folla en branco senón da experiencia acumulada.

Ayuntamiento de Leoz en Iratxeta de los arquitectos Guillermo Garbisu y Magdalena López

Proxectos como o Concello de Leoz en Iratxeta dos arquitectos Guillermo Garbisu e Magdalena López son un bo exemplo desta capacidade de reler o contexto que a arquitectura contemporánea está a incorporar. Trátase dun pequeno edificio que a pesar da súa volumetría nítida e da modernidade dos seus ocos incorpora sen ningún complexo a cuberta tradicional de lajas de pedra, inserindo a nova edificación no contexto e desta forma continuando a paisaxe. O novo edificio incorpórase á igrexa existente formando xunto coa antiga edificación un novo conxunto que a pesar da diferenza de idade entre ambas as dúas construcións non é disonante, máis ben todo o contrario, podería afirmarse que ambos os dous volumes falan unha linguaxe común. Unha pequena praza de acceso formalizada a medias polo antigo e o novo serve de acceso ao concello no que os muros de pedra e a cuberta falan do pasado mentres que os seus linteis e carpinterias falan do tempo presente. O proxecto trata así de dotar o pobo dunhas novas instalacións sen interromper a súa naturalidade. Unha naturalidade do lugar que se actualiza coa linguaxe actual ao redefinir as antigas normas ou leis que o xeraron, creando con modestia unha grande arquitectura.

Concello de Leoz en Iratxeta dos arquitectos Guillermo Garbisu e Magdalena López

Edificios como a vivenda unifamiliar construída por Carlos Quintáns na Serra do Courel son un bo testemuño desta capacidade actualizadora do vernáculo. Rehabilitando unha pequena construción rural na aldea de Paderne, aprovéitaa como zócolo á nova construción e articúlase unha peza actual que mesmo a pesar da súa limpeza formal e do aire a novo que desprende parece levar no lugar toda a vida.

Vivenda unifamiliar construida por Carlos Quintáns na Serra do Courel

Cun programa conciso, resolto nuns setenta metros cadrados formalízase unha vivenda cuxa estanza principal se sitúa no primeiro piso, separándose do chan e abrindo o seu interior cun gran ventanal á paisaxe; en contraste coa planta baixa que, aproveitando os muros de pedra característicos das edificacións do lugar, alberga os dormitorios nunha peza máis hermética.

Sobre os muros antigos do palleiro orixinal, unha estrutura de madeira laminada dá corpo ao volume superior cunha sobria cuberta a dúas augas sen ningún tipo de aleiro, exceptuando o mínimo remate necesario para protexer a pel de castaño exterior e insírese na paisaxe, na vida do pobo con total naturalidade.

Interior da vivenda unifamiliar construida por Carlos Quintáns na Serra do Courel

A pedra do zócolo, atemporal ao igual que o castaño, evolucionará adoptando a beleza que as cousas ben feitas adoptan co paso do tempo; fálanos dunha arquitectura intelixente, que parte dun coñecemento decantado polo sitio, polo seu clima e polas súas arquitecturas; sen copialas no superficial senón comprendendo o esencial para poder evolucionar.

Como adoitaba contar Jorge Oteiza, o que avanza intentando crear algo novo faino como un remeiro, avanzando cara a diante pero remando de costas ao futuro, mirando cara a atrás, cara ao pasado, cara ao existente para poder reorganizar as súas claves.

Grazas a Carlos Quintans polas molestias que se tomou.

íñigo garcía odiaga. arquitecto

san sebastián. febreiro 2011

Publicado en MUGALARI 11.02.18

Íñigo García Odiaga

Doctor Arquitecto y profesor asociado de Proyectos Arquitectónicos, ETSASS. Editor de NOMU. 1/5 del estudio de arquitectura VAUMM. Vivo en Donosti.

follow me

Arquivado en: artigos, Íñigo García Odiaga

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , ,