Hábitat Social · Cooperativa Galega

Hábitat Social · Cooperativa Galega

Hábitat Social é unha cooperativa galega integrada por un grupo heteroxéneo de profesionais, esencialmente dos eidos da arquitectura, o urbanismo e as ciencias sociais, coa intención de investigar e intervir na complexa realidade que habitamos.

En Habitat Social, apostamos por conxugar o compromiso persoal co profesional para procurar, dende a autoxestión e a autonomía laboral, unha sociedade máis xusta baseada no desenvolvemento comunitario equilibrado.

Deste xeito, centrámonos na construción social do hábitat, co obxecto de mellorar as relacións entre as persoas e destas co medio, natural ou construído. Facémolo traballando coa materia física e coas dinámicas humanas, participando activamente nos procesos, coordinando as axentes implicadas e potenciando o protagonismo das persoas.

¿Cal foi a vosa formación e traxectoria profesional previa a Hábitat Social?

A formación e traxectoria profesional das persoas que participamos na cooperativa é bastante heteroxénea e a maioría das veces autodidacta. A nosa relación como colectivo informal, comeza en grupos de traballo voluntario dentro de iniciativas críticas e de denuncia, baixo a rede de dereitos sociais  (www.rede.blogaliza.org) ou en diversos centros sociais da cidade de A coruña.

¿Os planteais nalgún momento, presente, pasado ou futuro, buscar traballo no estranxeiro?

Para nós o ámbito de acción non é algo casual. Actuamos onde pensamos que podemos realizar unha análise complexa da realidade para propoñer actuacións que lle dean resposta. Neste sentido, resúltanos máis sinxelo actuar no noso ámbito por familiaridade. Tamén traballamos noutros contextos, pero sempre despois dunha intensa fase de achegamento e estudo.

Por outro lado interésanos traballar no país por compromiso con este. Cremos que é importante que iniciativas de índole crítica revertan neste, aínda que no contexto socioeconómico que vivimos non sexa especialmente facil poñelas en práctica.

¿Que vos levou a poñer en marcha este proxecto?

Perseguimos dar soporte a intereses e buscas nas que estabamos inmersos e que afastaban daquilo que a academia nos ensinara como a correcta profesión da arquitectura.

Temas como o mapeo crítico, a participación cidadá ou procesos de loita contra a especulación foron os detonantes do noso traballo común, que se vai enriquecendo con outras temáticas a medida que pasa o tempo, ultimamente a construción natural, ou o apoio en procesos de emancipación a través do hábitat.

Por outro lado, a busca dunha fórmula legal axustada ao noso funcionamento asembleario horizontal respectando a nosa visión empresarial baseada no valor do traballo como ben de uso e non de cambio, empurrándonos a activar a fórmula cooperativa como ferramenta de traballo comunitario.

¿Encontrástesvos con moitas dificultades na súa posta en marcha?

Somos conscientes de que moitas das nosas inquetudes non teñen unha demanda maioritariamente na nosa sociedade e isto obríganos a facer un esforzo no que teñen que ver coa difusión e a pedagoxía. É por iso que gran parte do que facemos ten que ver con procesos de comunicación e talleres de formación. En calquera caso, cremos que este defecto de demanda está relacionado (como en moitos outros ámbitos) coa raquítica oferta e a carencia dunha conciencia crítica xeneralizada, aínda que confiamos en que o esgotamento do modelo social, económico e ambiental no que existimos, propiciará que xurdan outras xeito de habitar máis respectuosas coa terra e as persoas.

¿Estades satisfeitos cos obxectivos alcanzados?

Aínda que a nosa iniciativa empresarial non ten suficiente traxectoria como para facer balance, comezamos a recibir diferentes contactos en resposta ás iniciativas que promovemos; vemos crecer unha demanda que busca outras maneiras de habitar, de construír, ou de relacionarse co medio.

¿Credes que os arquitectos en España deberiamos abrir novas vías de traballo para saír da casa máis “tradicional” de proxectar dada a actual situación da construción no noso país?

Por suposto, e non dende unha óptica do interese corporativo se non por compromiso profesional e por recuperar a función de servizo público da profesión. É cuestión de supervivencia para o colectivo o feito de ter unha verdadeira utilidade social; non hai máis que pensar no traxecto que nos levou ata a imaxe de hoxe en día temos entre a sociedade.

¿Que opinades dos que se foron a traballar ao estranxeiro?

A desbandada de xente que está a sufrir o país dános pena; principalmente se falamos de xente crítica capaz de transformar a realidade en positivo. En calquera caso entendemos que o contexto actual é máis complexo, e a precariedade incómoda.

Hábitat Social · Cooperativa Galega

Marzo 2013

Entrevista realizada por Ana Barreiro Blanco y Alberto Alonso Oro. Agradecer o equipo de Habitat Social, tanto a súa axuda coma a súa predisposición mostrada con este pequeno espazo.

Alberto Alonso Oro

Arquitecto y editor en veredes, arquitectura y divulgación. Invernalia es un buen lugar. A veces escribo en Fundacion Arquia.

follow me

Arquivado en: Alberto Alonso Oro, Ana Barreiro Blanco, baliza

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,