Deseño de Sistemas. Escola de Ulm

A Fundación Barrié presenta na súa sede de Vigo Deseño de Sistemas. Escola de Ulm, do Ulmer Museum–HfG-Archiv, Ulm (Alemaña), unha exposición organizada polo Disseny Hub Barcelona (DHUB), que mostra unha visión panorámica do traballo da Escola de Ulm na configuración do deseño e a formación dos deseñadores. Comisariada por Neus Moyano, Javier Nieto e Gillermo Zuaznabar, a exposición, que ocupa dous andares da Fundación Barrié en Vigo, divídese en cinco áreas (sistemas de moblaxe, sistemas de construción, sistemas de electrónica, identidade corporativa e sistemas de comunicación), e presenta o traballo da Escola de Ulm (1953-1968), punto de inflexión e xenuíno comezo das correntes modernas de desenvolvemento do deseño na industria e na formación de deseñadores de produto. A mostra, composta por 70 pezas procedentes do arquivo da Hochschule für Gestaltung de Ulm (Alemaña) e de coleccións privadas e arquivos españois, explora –dende os antecedentes, posto que a peza máis antiga é unha cadeira Thonet (1859) despezada, até a actualidade– o concepto de sistema, expresado como conxunto de compoñentes enlazados racionalmente entre si, que son capaces de xerar un obxecto ou de contribuír ao seu desenvolvemento e formación.

A moblaxe das nosas casas, os automóbiles, a sinalización dunha cidade ou dun aeroporto, a imaxe corporativa dunha empresa, a comunicación visual en informática ou telefonía, están deseñados como sistemas. O concepto de sistema como fío condutor da exposición sinala a relación coa industria para facer chegar o deseño a toda a sociedade. Os sistemas axudan a ordenar a nosa vida e contribuíron de maneira decisiva a configurar a realidade cotiá actual.

Na Alemaña dos anos 50 do século XX, nun ambiente de forte reestruturación económica e financeira, a Escola de Ulm (Hochschule für Gestaltung Ulm) contou, no seu elencode profesores, con figuras da alturade Otl Aicher, Josef Alberts, Johannes Itten, Tomás Maldonado ou Josef Müller Brockmann e traballou para incorporar o deseño ao mundo da industria e conformar a nosa cultura material. Este proceso non foi impulsado pola bonanza económica senón, polocontrario, por unha profunda crise de valores e recursos. Aproveitouse o momento para repensar que significa crear formas no mundo actual, así como para democratizar o acceso ao deseño. Ulm non se centrou no deseño de obxectos individuais senón nos sistemas de obxectos, e tratou de pór orde nese mundo, no ámbito dos obxectos e no da comunicación. Foi pioneira na renovación do deseño na electrónica, a comunicación e a imaxe corporativa, así como na construción industrializada.

O paso que deu a HfG Ulm separou radical e definitivamente a profesión de deseñador do mundo da arte, tal como se entendía até entón, e integrouna de maneira indisoluble na industria e na tecnoloxía. Até aquel momento, a finalidade das escolas relacionadas co deseño era ensinar como achegar beleza aos obxectos da vida cotiá. Ulm, pola contra, integra na xénese de cada proxecto a funcionalidade e practicidade destes.

Podemos definir dous grandes grupos de sistemas. En primeiro lugar, están os sistemas compostos por obxectos elementais que constitúen unha unidade a partir da adición simple. Un segundo grupo fórmano elementos que poden funcionar individualmente, mais mediante a súa unión adquiren novas funcións e propiedades máis complexas. Ao primeiro grupo pertencen tanto os xogos de construción —cos cales se introduce os nenos na organización sistemática do contorno— como os sistemas de moblaxe ou de edificación utilizados na arquitectura que se basean na adición de elementos. Os exercicios de xeometría da HfG Ulm orientábanse preferentemente a resolver a unión harmónica e a conexión de elementos diferentes, coa finalidade de configurar sistemas. A análise do proxecto contemplaba a economía de fabricación, as posibilidades de transporte ou o grupo de persoas que o podía utilizar.

Deseño de Sistemas. Escola de Ulm

Do 7 de xunio o 14 de outubro de 2012

Fundación Pedro Barrie de la Maza. Sede Vigo

[mappress mapid=”77″]

+ info

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: evento, exposiciones

Tags: , , , , , , , ,