Cristina Nieto – Luis Gil · Mobiliario e restauración | proxecto UnDo ReDo

Cristina Nieto y Luis Gil, arquitectos en Santiago de Compostela

Hoxe achegámonos ao nº17 da Rúa Juan Castro Mosquera na Coruña, a visitar a Cristina Nieto e Luis Gil, uns bos amigos, para charlar sobre o proxecto UnDo ReDo, unha das súas múltiples iniciativas nas que están inmersos.

Dende que estudaban a carreira de arquitectura na ETSA de Coruña, Cristina e Luis sempre mostraron un especial interese polo mobiliario, e en especial pola cadeiras. Como a todo bo apaixonado, levoulles a coleccionalas e para iso percorren mercados, anticuarios ou simplemente encóntranas nas obras que realizan.

UnDo ReDo é un lugar de encontro e reflexión sobre os mobles, moi especialmente as cadeiras, dentro e arredor da arquitectura. Encontro, rehabilitación, interpretación e coidado dos mobles segundo a filosofía de traballo da desaparecida artista Louise Bourgeois I do, I undo, I redo.

A esta forma de ver e entender o mobiliario uníronselles a matemática María Arizcun e o artesán con alma de artista Juan Aradas. Como consecuencia desta unión, en agosto 2011 inauguran a tenda-obradoiro-galería UnDo ReDo.

UnDo ReDo dispón dun selección continua de mobles que chegan á galería, como ao hospital de cousas dalgún dos personaxes literarios de Paul Auster, aínda que para ser reparados primeiramente se estudan e se revisan criticamente para responder ás necesidades destas pequenas arquitecturas.

“Os mobles sempre acompañaron á arquitectura, son a arquitectura dentro da arquitectura, e moi en especial a mesa e a cadeira. Unha arquitectura menor ao xeito do escritorio de San Jerónimo, representado no cadro de Antonello de Messina, que se introduce dentro doutra previa, para volver crear un lugar e unha función menor, pero claramente definida, no universo maior da arquitectura. Un fractal que xoga coas escalas e co noso oficio para que adaptemos o traballo e a reflexión do arquitecto dende a cidade á casa, ao xeito de Aldo van Eyck, e aínda máis cara a dentro, de cara ao doméstico..

Cadeiras e mesas, acento interior que reestrutura un mundo máis próximo á escala do corpo humano, e dos usos máis naturais ao seu ser, comer, traballar, charlar. Os que presentamos en UnDo ReDo son produto do labor de estudo e recollida durante anos, modelos clásicos, orixinais, e interpretacións de calidade acreditada. Modelos que nos serviron como reflexión previa para a creación dalgúns propios nas nosas obras. Todos eles tamén se salvaron, limpado, corrixido e rehabilitado coa ansia de reutilizar, de non malgastar e de seguir aprendendo de grandes modelos que resisten estoicamente a, en moitas ocasións, banal e innecesaria produción que a sociedade de consumo que habitamos propón..”

Con estas palabras Cristina, María, Juan e Luis mostran a súa paixón por estas pequenas arquitecturas que forman parte de nuetra vida cotiá.

Proxecto UnDo ReDo | Fotografía: Adrián Ferreiro

¿Cal foi a vosa formación e traxectoria profesional previa a UnDo ReDo?

A formación dos promotores iniciais do proxecto, Cristina e Luis, é a da arquitectura, á que se sumaron a experiencia en xestión de empresa de María Arizcun, matemática e do traballo de rehabilitación e dos oficios de Juan Aradas. No caso de Cristina e meu (Luis) UnDo ReDo comezou e segue en paralelo ao noso traballo como arquitectos, como un lugar máis abstracto e libre das obrigas e os tempos formais da arquitectura. Iniciamos a nosa carreira como arquitectos asistentes de Manuel Gallego antes de constituír a nosa propia oficina.

¿Que vos levou a abrirvos camiño no deseño e restauración de mobiliario?

Tanto o valor do seu deseño coma a visión dos mobles, non como unha parte da arquitectura senón, como unha especie de pequena arquitectura dentro da arquitectura. Uns elementos aparentemente menores, en especial os asentos, capaces de caracterizar os espazos e de ser medio de apropiación deste polos seus habitantes para expresalo de xeito individual. Ao mesmo tempo e fóra do valor intrínseco do deseño dos mobles interesounos a súa rehabilitación e arranxo, como acción crítica ao disparate actual da sociedade de consumo. Unha sociedade neoliberal que produce non só os novos elementos que necesita, a favor dos que estamos, senón os que non necesitan e que empobrecen ecoloxicamente e intelectualmente a nosa paisaxe ambiental e social.

Estes dous parámetros, o moble como arquitectura e cultura e a toma de conciencia sobre o consumo innecesario e inflacionado, son os que soportan o noso proxecto máis alá da necesaria perspectiva económica.

Juan Aradas traballando | Fotografía: Adrián Ferreiro

¿Encontrástesvos con moitas dificultades na súa posta en marcha?

Calquera proposta, xa sexa económica ou vital, leva consigo dificultades, tivémolas, témolas. Non obstante, son precisamente estas dificultades as que che garanten paradoxalmente a supervivencia da proposta. Neste sentido nós sempre afrontamos cada un dos nosos proxectos, tanto os que teñen que ver coa arquitectura coma os de UnDo ReDo, cunha perspectiva afeccionado, explicámonos. Afeccionado no sentido orixinal da palabra de amadores do que fas, non nun sentido inxenuo senón nunha dirección vocacional e gusto polo que te namora. Así estás cargado da mellor vacina para soportar os embates, os pequenos e os grandes.

¿Considerades que estudar Arquitectura foi un pasaporte fundamental para chegar ao voso traballo actual?

Estudar arquitectura é un bo adestramento porque te acostumas a tropezar contigo mesmo e cos demais, pero dende a vocación cara ao que cres que debes facer na túa vida profesional non hai nada que nos diferencie especialmente de alguén que quere facer un bo pan ou atender ben aos seus concidadáns nun mostrador ou unha xanela. O importante é ser un profesional, valorar o traballo ben feito. Se acaso te fai máis forte o feito de saber que en arquitectura para levar os teus proxectos cara a diante tes que saber conxugar todas as persoas dun verbo e todos os tempos dese verbo para verte no lugar dos demais e no agora, o antes e o despois.

Estudar Arquitectura te achega cando aprendes a ter unha mirada holística sobre o teu ámbito e unha actitude analítica, crítica e interpretativa para transformalo.

Conxunto de cadeiras | Fotografía: Adrián Ferreiro

¿Estades contentos cos obxectivos alcanzados?

Moi contentos, porque os obxectivos máis alá dos económicos- absolutamente necesarios para sobrevivir- chegan a outros campos, o das relacións con outros proxectos, con outras persoas que son clientas, do barrio e doutros países, que se enlazan e apoian o proxecto de moi diversas maneiras. Existe unha groseira e contemporánea manía de valorar o traballo unicamente polo seu éxito económico, cando na bolsa de pagamento se encontran outros moitos parámetros como o tempo demorado e afondado, a relación manual e intelectual cos produtos que ofreces e o contaxio das túas ideas aos demais e viceversa.

¿Animarías outros arquitectos a seguir os vosos pasos? ¿Que pasos considerades que deberían dar? ¿Como completar os seus estudos? ¿Que outros consellos lles darías?

Animamos calquera arquitecto novo ou maior a facer o que cree que debe facer, a buscar o oco do que lle gusta desenvolver, porque ademais é moi probable que aí sexa un moi bo competidor e a vocación, que antes citabamos, lle faga resistir os tropezos e que en pouco tempo sexa autosuficiente.

Selección de sillas

¿Credes que os arquitectos en España deberiamos seguir abrindo novas vías de traballo para saír da casa máis “tradicional” de proxectar dada a actual situación da construción no noso país?

Cremos que ese xa é de partida un falso mito, o do arquitecto proxectista de arquitectura. Os estudantes de arquitectura e os arquitectos deberiamos saber que estudar arquitectura é converterse en saltador de valos e que ao longo da historia recente do s. XX gran número de arquitectos achegaron a súa especial cultura e formación a campos tan diversos como o cine e o mundo audiovisual en xeral, a política, o deseño nos seus moi diversos campos e outras moitas áreas que necesitan da praxe organizada da arquitectura para mellorar noutros campos.

¿Que opinades dos que se foron a traballar ao estranxeiro?

Nós tamén participamos desa busca hai uns anos, en Holanda, en Portugal, extraordinarias experiencias profesionais e vitais. O estranxeiro forma parte dos valos cos que habemos de traballar, tropezar e saltar, pero non son mellores nin peores obstáculos os de fóra que os que se encontran no estranxeiro interior…. é dicir aquí. O único que nos desagrada é cando o éxodo é obrigado porque non nos mellora como sociedade.

Deixámosvos con este vídeo resumo realizado por Falperra Producciones.

Cristina Nieto – Luis Gil · Mobiliario e restauración | proxecto UnDo ReDo

Marzo 2014

Entrevista realizada por Ana Barreiro Blanco e Alberto Alonso Oro. Agradecer a Cristina, María, Juan e Luis o seu tempo e axuda con este pequeno espazo.

Alberto Alonso Oro

Arquitecto y editor en veredes, arquitectura y divulgación. Invernalia es un buen lugar. A veces escribo en Fundacion Arquia.

follow me

Arquivado en: Alberto Alonso Oro, Ana Barreiro Blanco, baliza

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,