Cristina Ansede Viz – Camino Vilanova Rodríguez – Alberto Quintáns Arrondo · divulgación e turismo | GA Santiago

5 (100%) 1 vote

Para pechar este curso, e a punto de entrar na época estival, que mellor plan que poder realizar un tour por diferentes cidades ou por remotos pobos numerosos exemplos de arquitectura que merecen ser visitado e esparexido por toda Galicia. Por iso que mellor realizar estes percorridos da man de arquitectos o que nos garante un profundo coñecemento da arquitectura e a construción local.

Achegámonos ata Santiago para charlar cos tres mozos integrantes de GA Santiago, Cristina Ansede Viz, Camiño Vilanova Rodríguez e Alberto Quintáns Arrondo. GA Santiago é o membro local en Galicia de Guiding Architects, unha rede internacional de rutas guiadas de arquitectura integrada por compañías independentes que ofrecen tours guiados por profesionais en cada unha das súas localizacións.

“O noso enfoque para as visitas guiadas baséase precisamente en compartir esta experiencia de primeira man, abrindo aqueles espazos de interese especial, dende casas particulares a edificios en construción, e compartindo cos nosos visitantes toda a información clave dunha forma amena.”

Sen máis deixámosvos coa entrevista que nos concederon hai unhas semanas en Santiago de Compostela.

GASantiago01
Cristina Ansede Viz, Camino Vilanova Rodríguez e Alberto Quintáns Arrondo forman GA Santiago

Explicádenos, como e por que xorde o “GA Santiago”?

Sentiamos que había un baleiro na difusión da arquitectura contemporánea galega no que se refire ao sector turístico. Ademais coñeciamos Guiding Architects, unha rede activa de guías de arquitectura a nivel internacional formada por arquitectos que explican as súas cidades ou rexións coa arquitectura e o urbanismo como fío condutor. Nós o que fixemos é incluír a arquitectura galega nese mapa de destinos. Para iso tivemos que presentar a candidatura de Galicia e superar varias probas, tanto de aptitudes coma de medios. Finalmente en Febreiro de 2014, na reunión anual de GA, nesa ocasión en Copenhaguen, fomos admitidos como novos membros.

Tiñades algunha experiencia previa neste campo?

Non. Neste sentido as esixencias da rede son que os socios sexan profesionais en activo no campo da arquitectura. Desa forma podemos transmitir unha realidade da arquitectura e o urbanismo máis complexa, que engloba todos os procesos que a xeran.

Encontrástesvos con moitas dificultades? Cales foron as máis problemáticas?

A dificultade principal foi, unha vez aceptados pola rede, comprobar que a lexislación actual de turismo non considera a existencia de especialistas máis alá do histórico-artístico.

Aínda que o que queiramos explicar sexa un sistema construtivo ou unha estratexia urbana, por exemplo, debemos estar por guías oficiais se percorremos os ámbitos dun BIC.

Itinerario realizado por GA Santiago
Itinerario realizado por GA Santiago

Estades contentos cos obxectivos alcanzados?

Si. Consolidar Galicia como destino dentro da rede, é un proceso longo no que estamos inmersos. Pero podemos dicir que o resultado deste primeiro ano foi moi positivo. Contabamos cun cliente exclusivamente estranxeiro, considerando as estatísticas da rede, e sorprendeunos o interese mostrado por entidades e empresas locais.

Que expectativas e proxectos de futuro tedes para “GA Santiago”?

Consolidarnos como destino de Guiding Architects e ao mesmo tempo establecer vínculos locais co obxectivo de propoñer actividades para un público máis próximo.

Son rendibles este tipo de iniciativas? Sentídesvos ben “remunerados” polo labor que realizas?

Para nós posto que estamos aínda a establecernos como destino, é pronto para determinar a rendibilidade da iniciativa. Polo que sabemos de dos nosos socios, este proceso pode levar anos ata verse materializado. A rede funciona e segue crecendo, así que neste sentido somos optimistas. Ademais ao pertencer a unha rede internacional temos a posibilidade de entrar noutros mercados e de non perder a visión global un pouco menos pesimista.

Detectamos as mesmas dificultades que no exercicio da profesión liberal se ben é certo que considerando a responsabilidade do traballo dun arquitecto, o traballo como guía especializado si que está ben remunerado.

Camino durante un itinerario de GA Santiago
Camino Vilanova durante un itinerario de GA Santiago

Compaxinades ou complementades esta actividade con outros labores ou noutros campos?

Compaxinamos as dúas actividades, a dos nosos estudos con esta. Probablemente non se nos tería ocorrido esta alternativa se non fose pola situación actual da arquitectura. Aínda que agora que estamos dentro, non nos gustaría abandonala se o panorama mellora, porque nos mantén conectados con outros arquitectos e porque cremos que falar sobre arquitectura e explicala é un proceso moi enriquecedor. Obríganos a reconsiderar e obxectivar moitas formulacións que dabamos por feitos.

Cresdes que os arquitectos en España deberiamos seguir abrindo novas vías de traballo para saír da casa máis “tradicional” de proxectar dada a actual situación da construción no noso país?

Non é unha cuestión de crenza, é de necesidade, para arquitectos ou para calquera outra profesión que se encontre na mesma situación que a nosa.

Que opinades dos arquitectos que emprenden en novos campos?

Esta é unha pregunta que os arquitectos debatemos amplamente nos últimos anos. Dende o noso particular visión, ás veces confúndese a amplitude de temas nos que nos formamos coas capacidades que temos.

No noso caso buscamos unha actividade que ten que ver coa nosa formación, pero outros moitos compañeiros dedícanse a outros temas por unha vocación persoal que non se aprende na escola de arquitectura.

O que nos parece perverso é presupós que todos, pola nosa condición de arquitectos podemos dedicarnos ao que sexa.

Pola nosa experiencia, ao meternos nun campo en certo modo alleo ao noso, estamos a aprender unha nova profesión, con todo o que iso leva consigo.

Animaríades outros arquitectos a seguir os vosos pasos? Que pasos considerades que deberían dar? Como completar os seus estudos? Que outros consellos lles daríades?

Animariamos a quen sexa a buscar o seu propio camiño segundo as súas capacidades e vocacións. Desgraciadamente non cremos que haxa unha fórmula. O que si que está claro é que rematou o tempo no que ser titulado en algo era garantía para ter un traballo estable. Hoxe en día iso non é suficiente, a especialización é case imprescindible.

Vilanova
Camino Vilanova durante un itinerario de GA Santiago

Que opinades dos que se foron a traballar ao estranxeiro?

Que quizais sexa a opción na que é posible conseguir unhas condicións máis dignas de traballo neste momento. É moi duro cando o motivo é a necesidade, como o é na maior parte dos casos, pero tamén é moi duro quedarse aquí intentando sobrevivir nesta situación.

Como vedes o futuro da profesión?

Incerto. Estamos convencidos de que parte da solución é crer no que fas e por iso seguimos aquí. Agora ben, ata onde nós vemos cada vez vai ser máis complicado manterse como arquitecto independente, pois tendemos a un mercado cada vez máis competitivo, rápido e cambiante no que parece haber dúas tendencias: a especialización ou a integración en grandes compañías.

Alberto durante un itinerario de GA Santiago
Alberto Quintáns durante un itinerario de GA Santiago

Cristina Ansede Viz – Camino Vilanova Rodríguez – Alberto Quintáns Arrondo · divulgación e turismo | GA Santiago
Xuño 2015

Entrevista realizada por Ana Barreiro Blanco e Alberto Alonso Oro. Agradecelo a Cristina, Camiño e Alberto o seu tempo, paciencia e a súa predisposición con este espazo.

Alberto Alonso Oro

Arquitecto y editor en veredes, arquitectura y divulgación. Invernalia es un buen lugar. A veces escribo en Fundacion Arquia.

follow me

Arquivado en: Alberto Alonso Oro, Ana Barreiro Blanco, baliza

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , ,