Cibrán Rico López-Suso Vázquez Gómez · Editorial | Fabulatorio

Algunos de los ultimos trabajos de Fabulatorio

Fabulatorio é un proxecto editorial promovido por Cibrán Rico López e Suso Vázquez Gómez, arquitectos de formación dedicados profesionalmente ao deseño gráfico e editorial baixo o nome de desescribir.

¿Cal foi a vosa formación e traxectoria profesional previa a Fabulatorio?

Para nós é difícil separar o mundo profesional do persoal, gústanos pensar na formación como un feito que transcende o académico, en algo máis vital; de feito o máis valioso que nos levamos dos anos na ETSA da Coruña é a xente que coñecemos, ternos encontrado.

Que durante a carreira, un dos nosos amigos necesitase un cartel para un certame de música tradicional, foi o comezo profesional de desescribir; a partir de aí, son nove anos de formación e de dedicación ao oficio de deseñadores gráficos e editoriais.

¿Formulástesvos nalgún momento, presente, pasado ou futuro, buscar traballo no estranxeiro?

En momentos de certa precariedade vímonos obrigados a valoralo, pero o noso desexo é traballar en Galicia. Sentimos a necesidade e á vez a responsabilidade de desenvolver o noso traballo en e dende a nosa cultura. Estamos convencidos de que o valor do global reside no local, e queremos establecer unha comunicación global conscientes de que o local é o que diferencia e lle outorga autenticidade a esa comunicación.

Mirando ao pasado, gústanos entender “o noso lugar” como continuidade do traballo, esforzo e obxectivos dos profesionais que desenvolveron o noso mesmo oficio en Galicia antes ca nós; mirando ao presente, sentímonos parte dun “ecosistema” onde o traballo e bo facer de profesionais de todas as disciplinas sempre repercute en mellorar o noso; todos traballamos en comunidade, sexamos ou non conscientes diso.

¿Que vos levou a poñer en marcha este proxecto?

Como editorial, en primeiro lugar, o amor polos libros. Pensamos que os libros conservan a capacidade de comunicar a través do seu contido e da súa forma; que manteñen a capacidade de converterse en experiencia vital, de propoñer outros tempos e de facernos crecer. Dalgún xeito cremos que o ideal ilustrado dos libros segue estando vixente, que representan unha das formas de resistencia máis accesibles e efectivas fronte ao proceso de mercantilización de todas as facetas da vida que estamos a padecer como sociedade. No fondo, quizais só se trata de aprender, de descubrir e de deixarse sorprender.

Cando máis gozamos o noso traballo é cando damos forma a contidos que nos interesan, así que, despois de anos deseñando, formulámonos a posibilidade de arrancar un proxecto como editores, buscando e propoñendo nós mesmos os temas. Queriamos gozar e participar de todo o proceso de elaboración dunha publicación.

Por outra parte, coñecemos moitos profesionais próximos aos que admiramos e que non teñen, máis alá de internet, un lugar dende o que comunicar e visibilizar o seu traballo. Apetecíanos moito poder colaborar con eles e poder compartir o proxecto de construír un libro. Unha das mellores sorpresas que tivemos grazas a Fabulatorio é que ese grupo de persoas coas que nos gustaría colaborar cada vez é máis grande.

¿Encontrástesvos con moitas dificultades na súa posta en marcha?

Basicamente económicas e tamén algunha para administrar os tempos e compatibilizalo coa nosa actividade profesional de deseñadores, que é a que nos permite vivir. O resto de dificultades consideramos que son as normais de calquera proxecto que arranca: buscar respostas ao que non sabe e aprender dos que si saben.

De todos os xeitos, máis alá das dificultades, coas que xa contabamos, preferimos centrarnos e darlle máis importancia ás facilidades: as que nos achegaron todas as persoas coas que colaboramos para poñer en marcha o proxecto, ou simplemente, a de calquera persoa que decidise adquirir un libro. Somos moi conscientes que ademais do posible interese particular nunha publicación, moita xente da que comprou un exemplar o fixo tamén por axudar a que Fabulatorio poida ter unha continuidade. Esa perspectiva de proximidade e de comunidade fainos moi felices. En definitiva temos moitas máis razóns para os agradecementos que para as lamentacións.

¿Estades contentos cos obxectivos alcanzados?

De momento consideramos que aínda é pronto para falar de obxectivos alcanzados. Trátase máis ben de ir cumprindo etapas ou de ir tendo pequenas satisfaccións, como por exemplo facer que Fabulatorio sexa unha realidade con independencia e sobre a base das nosas intencións e conviccións, poder poñerse en contacto con moita xente da que aprender, comprobar que se percibe o traballo o que hai detrás de cada publicación, gozar co proceso, ou esgotar a tirada dos dous primeiros libros en apenas un ano.

Todo o que está a xurdir arredor da editorial nos motiva e ilusiona. Nese sentido, dende o punto de vista profesional e emocional, sentímonos satisfeitos.

Se analizamos a sostibilidade económica do proxecto é certa que aínda nos falta dar algúns pasos para poder alcanzala, pero temos moi claro que non nos interesan os prazos curtos e as rendibilidades inmediatas. Cremos que calquera iniciativa, e máis se cabe unha editorial, necesita un tempo para consolidarse.

¿Credes que os arquitectos en España deberiamos seguir abrindo novas vías de traballo para saír da casa máis “tradicional” de proxectar dada a actual situación da construción no noso país?

Cremos que os arquitectos son un colectivo profesional imprescindible, pero é necesario recuperar a confianza da sociedade retomando a función de servizo público. Resulta evidente que as preocupacións dunha parte da profesión se afastaron demasiado dos intereses e necesidades que reclamaba a cidadanía.

Dende fóra, ao non estar a exercer, observamos todos estes debates sobre as novas vías de traballo para os arquitectos con certo asombro: a arquitectura e o urbanismo, e profesionais que exerzan de xeito responsable e con coñecemento seguen sendo totalmente necesarios. Outra cousa é que para ser arquitecto se considere obrigado visar un determinado número de proxectos ao ano. Coñecemos moitos compañeiros da escola que apenas tiveron a oportunidade de construír e que non obstante son moito máis arquitectos que outros que visaron centos ou miles de vivendas, ou equipamentos públicos, sen ningún escrúpulo ou sen ningunha reflexión sobre a súa actividade.

Nese sentido, parécenos que o debate pode chegar a ser un pouco artificial, e que aínda que poida resultar entretido parase a encontrar unha nova denominación para as novas maneiras de exercer, no fondo, o que se está a facer é recuperar o verdadeiro sentido da profesión de arquitecto, preparándose para realizar o seu labor nun contexto e para unha sociedade que non é a mesma de hai 30 anos, pero que seguirá necesitando vivendas nas que vivir e cidades nas que convivir.

Outra aspecto diferente é a falta de traballo como arquitecto, e de traballo digno, no momento actual, e a posibilidade de reorientarse profesionalmente, algo que, por outro lado, foi moi habitual de sempre entre arquitectos, e non só agora como consecuencia da crise.

Dende a nosa propia experiencia parécenos unha boa posibilidade, coa salvidade de que a vemos máis como o resultado da vocación persoal de cada un, ou da necesidade de encontrar unha estabilidade económica e vital, que como a consecuencia da frase: “os arquitectos poden dedicarse a moitas cousas”, tantas veces promovida dende a escola e en moitos foros profesionais, que ademais de non ser certo, resulta dunha soberbia moi pouco recomendable despois de tanto exceso da profesión no seu conxunto.

O específico da formación de arquitecto, e dalgúns outros estudos, é o dominio da ferramenta do proxecto, que no fondo non é máis que adestrar e adquirir a capacidade de pensar globalmente. Ese coñecemento aprendido sen dúbida facilita unha posible reorientación profesional, pero en ningún caso permite un traslado automático a un novo campo de actividade sen unha fase de formación específica, xa sexa formal ou de carácter autodidacta.

¿Que opinades dos que se foron a traballar ao estranxeiro?

Cremos que todas as persoas deberían ter o dereito de intentar buscar o seu lugar no mundo, e por iso só podemos respectar a decisión dos que desexan encontralo no estranxeiro. Cando esa decisión é a consecuencia dunha opción persoal non nos parece nin ben nin mal, senón tan só un xeito de exercer a liberdade que temos como individuos.

O problema é cando esa decisión non é o resultado dunha opción persoal, senón a única vía de escape posible a unha situación de precariedade e de incapacidade para realizarse como profesional e como persoa. Cada vez que alguén marcha por este motivo todos nos facemos un pouco máis pobres, no sentido máis amplo da palabra. Por iso, todo este proceso de emigración forzada o único que nos xera é unha sensación cruzada de perda, de derrota e de indignación.

Cibrán Rico López – Suso Vázquez Gómez · Editorial | Fabulatorio

Agosto 2013

Entrevista realizada por Ana Barreiro Blanco e Alberto Alonso Oro. Agradecer a Cibrán e Suso a súa achega e predisposición con este pequeno espazo.

Alberto Alonso Oro

Arquitecto y editor en veredes, arquitectura y divulgación. Invernalia es un buen lugar. A veces escribo en Fundacion Arquia.

follow me

Arquivado en: Alberto Alonso Oro, Ana Barreiro Blanco, baliza

Tags: , , , , , , , , , , , , ,