Casa Riobó | RVR Arquitectos

A vivenda existente é unha construción rural tradicional dunha antigüidade superior a 60 anos. A súa estrutura é de muros de cachotaría que se recobren de forma parcial cara ao exterior con morteiro de cal, a cuberta é de tella árabe. A casa disponse en dirección case paralela ao lindeiro oeste, dende o que ten o acceso rodado pola parte máis ao norte da parcela. A súa planta baixa sitúase sobre o terreo en tres terrazas sucesivas, a superior está ocupada por un lagar, na intermedia encóntrase a entrada da casa e a cociña e a máis baixa está ocupada por un almacén e unha antiga corte, sobre este último nivel existe na actualidade unha planta alta de dormitorios. Na configuración da planta apréciase a condición aditiva desta arquitectura, a forma final xérase por adición sucesiva no tempo de volumes simples.

rvr_cs_01_ext01

A rehabilitación pretende resaltar ese recoñecemento dun todo conseguido como a hábil suma de partes, e así cada unha das cruxías estruturais irá sendo ocupada polos diferentes usos da casa sen insistir demasiado na optimización da xerarquía funcional. A entrada séguese producindo pola peza central que liberada do alzadeiro que hoxe condiciona a súa altura será unha sala de entre 3 e 4 metros de altura na que se encontra a cociña conformándose como o cuarto sobre a que basculan as outras, a cruxía máis ao sur onde hoxe se encontra o lagar conéctase internamente coa cociña mediante uns chanzos que salvan a diferenza de cota actual e se configura como unha estanza en que se poidan dar usos diversos: comer en verán, estudo ou outros que se poidan requirir no tempo. A parte norte da casa- con dúas alturas- será ocupada por dous dormitorios en planta baixa e a sala de estar con vistas cara ao val e un dormitorio na planta alta.

Aspectos funcionais, formais e técnicos.

A rehabilitación que nos propoñemos pretende o aproveitamento sensible e culto do material existente de tal forma que a introdución de novas técnicas sexa realizada dende un pensamento construtivo de continuidade e nunca ruptura ou contraste co que hai. A rehabilitación farase con técnicas pouco pesadas sen un esaxerado peso propio que deforme aínda máis os antigos muros, non se pretende evitar as descontinuidades das fábricas ou os pequenos derrubamentos que adquiriron cos anos se non que se traballa con eles no que teñen de demostración do paso do tempo, de pátina sobre o construído.

Apréndese da densidade que o espesor dos muros lle dá á luz natural e da limpeza das carpintarías na súa unión coa fábrica, e da sólida cruxía estrutural como creadora de recintos espaciais, así como da sinxeleza e disimulada non especialización da planta. A estrutura portante será a actual, muros de cachotaría de granito. Modificarase puntualmente para a apertura dalgún oco que colabore á iluminación interior das estanzas.

Estes muros se trasdosarán cara ao interior con placas de cartón xeso previamente illadas. Cara ao exterior deixarase en ocasións a cachotaría vista e nas fachadas de orientación máis desfavorable- sur, sueste- revestiranse con morteiro de cal. A estrutura horizontal será de vigas e viguetas de madeira: abeto ou piñeiro ruso preferentemente, o entrevigado conseguirá taboleiros fenólicos. A cuberta construirase de forma similar e cubrirase ao exterior con placas de fibrocemento e tella árabe. O acondicionamento térmico asegúrase mediante o traballo conxunto do espesor dos muros de fachada e o illamento térmico, o espesor deste último chegará na cuberta ata 10 cm. A fonte de enerxía principal para calefacción e ACS será o gasóleo que se conxugará con paneis solares térmicos. A ventilación está asegurada polas ventás e portas practicables.

Obra: Casa Riobó
Emprazamento: A Estrada. Pontevedra. Galicia. España
Autor: RVR Arquitectos (Alberto Redondo+José Valladares+Marcial Rodríguez)
Ano: Proxecto: 2006-2009. Construcción: 2011-2012
Memoria: RVR Arquitectos
Fotografías: RVR Arquitectos
+ rvr-arquitectos.es

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arquitectura, obras, reforma interior, rehabilitación, vivienda unifamiliar

Tags: , , , , , , , , , , ,