Alejandro de la Sota Pontevedra 1913 – Madrid 1996. Construírse / Construír


Do 6 de abril ao 27 de maio as salas de exposicións temporais do Sexto acubillan a exposición dedicada á figura do arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota. O Museo súmase con esta gran mostra á celebración do ano 2018 que a Real Academia de Belas Artes de Galicia dedica a figura de Alejandro de la Sota Martínez.

Alejandro de la Sota Pontevedra 1913 – Madrid 1996. Construírse Construír o1

Alejandro de la Sota Martínez foi un dos grandes arquitectos españois do século XX. Por primeira vez ofrécese unha visión completa da súa traxectoria vital, desde a súa infancia ata a súa madurez, nesta exposición, que consta de dúas partes.

A primeira parte recrea a súa nenez e adolescencia en Pontevedra, mentres que a segunda parte fai un extenso percorrido polos seus proxectos máis importantes e significativos a través dos fondos custodiados pola Fundación que leva o seu nome. Os proxectos expostos representan as diferentes etapas do seu traballo arquitectónico, non moi extenso, pero si fundamental; e compleméntanse con material bibliográfico, maquetas, debuxos e mobles deseñados polo propio Alejandro.

Naceu Alejandro no seo dunha familia ilustrada e recibiu dela uns xenes artísticos que marcaron a súa personalidade. Desde moi neno mostrou unha inclinación especial polo debuxo e a música. Alfonso Castelao foi o seu instrutor na forma de entender as caricaturas, que nunca deixou de facer, e Iglesias Vilarelle e José Jané educaron o seu gusto musical con moito tino.

Cando so tiña 18 anos fixo a súa primeira exposición de caricaturas na sala da Xunta de Turismo, na rúa Michelena, mostra que compartiu co seu amigo da alma, Ventura de Dios, Turiñas. Logo ambos os dous rapaces foron fundadores da revista Cristal en 1932 e compartiron unha velada inesquecible con García Lorca na casa do Café Moderno.

Alejandro de la Sota Pontevedra 1913 – Madrid 1996. Construírse Construír o2

A Guerra Civil truncou en dúas partes os seus estudos na Escola de Arquitectura de Madrid, tras pasar antes pola Universidade de Santiago. Alejandro pertenceu á primeira promoción da posguerra, titulada en xuño de 1941, e montou un estudio co seu compañeiro e amigo Xavier Lahuerta.

A segunda parte céntrase principalmente en oito obras emblemáticas, desde o deseño do “Pueblo de Esquivel”, en Sevilla (1952-63), ata o edificio de Correos de León (1981-84).

Faise fincapé no Goberno Civil de Tarragona (1957-62), a central leiteira Clesa (1958-61) e o ximnasio do Colexio Maravillas de Madrid (1960-62), tres proxectos claves que reflicten un cambio na súa carreira, cando se sacudiu do clasicismo imperante e se adscribiu nos postulados da modernidade que comezaba a penetrar timidamente en España, e que representaron Mies van der Rohe e outros arquitectos europeos que emigraron a Estados Unidos.

A mostra dedícalle tamén un apartado especial as súas obras máis pontevedresas: a Casa Domínguez na Caeira (1973-78) e o Pavillón dos Deportes, bos exemplos das súas apostas renovadoras.

Arquivado en: evento, exposiciones

Tags: , , , , , , , , , , , ,