Agronautas

Existen formulacións, modos de vida e formas de facer que propoñen unha relación máis equilibrada entre o ser humano e o planeta. A maioría deles, non obstante, non foron desenvolvidos por grandes compañías nin dispoñen de altos presupostos gobernamentais. En moitos casos trátase, pola contra, de persoas anónimas organizadas en redes, de profesionais que desenvolven novos sistemas fóra do mercado ou de individuos que decidiron actuar pola súa conta. Chamámolos Agronautas.

Un documental de Juan Dopico Massobrio e Peixe Estudo.

Agronautas [Documental] é unha película documental froito da primeira fase de exploración do proxecto Agronautas. Durante 2011 e 2012 rexistráronse 40 experiencias colectivas, un total de 56 persoas que desenvolven iniciativas que reformulan a relación entre as persoas e o medio natural, xa sexa a nivel individual, en comunidades ou a través da súa actividade profesional.

Agronautas [Documental] recolle os mellores momentos destas entrevistas co obxectivo de difundir proxectos e actividades baseadas na minimización do impacto humano sobre o ámbito, así como do consumo de recursos e enerxía. Estas opinións e experiencias, malia a súa importancia como beneficio colectivo, resultan moitas veces pouco visibles para a cidadanía. O proxecto é un primeiro paso de investigación e pretende abrir o debate e a reflexión sobre a reformulación dos intercambios das persoas co medio dun xeito holístico.

Agronautas [Documental] está rexistrada con licenzas libres, co obxectivo de ser difundida amplamente.

O documental está dividido en catro bloque temáticos: Agricultura, Enerxía e Ecoloxía, Arquitectura e Tecnoloxía, e Política e Sociedade.

Agricultura: Abórdanse algunhas das problemáticas e alternativas presentes en relación ao sector: agricultura ecolóxica, redes de sementes, alimentos transxénicos, agroindustria, grupos de consumo, soberanía alimentaria, hortos urbanos.

Enerxía e Ecoloxía. A través do testemuño dos “agronautas” entrevistados faise un repaso sobre temas como a globalización, o esgotamento de recursos, o decrecemento, as enerxías renovables, o consumismo, a dicotomía natural-artificial ou o equilibrio coa natureza.

Arquitectura e Tecnoloxía. Propóñense alternativas para que a utilización de ambas as dúas disciplinas supoña un equilibrio coa natureza e coa sociedade. Neste sentido, os testemuños céntranse, entre outros, na bioconstrucción, autoconstrución, ecoconstrucción, arquitectura xenética, arquitectura algorítmica e as novas tecnoloxías.

Política e Sociedade. Formúlanse alternativas ao sistema político actual así como posibles solucións para saír da crise global actual. Os modelos horizontais, os sistemas de participación cidadá, as colonias colectivizadas, as alternativas ao sistema capitalista ou os movementos sociais son algúns das opcións tratadas.

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: tv

Tags: , , , , , , , , , , , ,