Accións comúns. Miradas e intervencións urbanas dende a arte e a arquitectura.

En 1968 o artista norteamericano John Baldessari establecía os seus termos máis utilizados para definir traballos creativos na arte, plasmando sobre un lenzo as que, segundo el, eran as palabras capaces de explicar esta práctica no século XX (buscou en libros de arte cales eran as accións máis repetidas e llas ditou a un cartelista que fixou na tea aqueles verbos). A arquitectura podería ser sintetizada dun modo parecido, a través das accións que convoca, máis alá de intencións ou retóricas. Un proxecto de arquitectura pode enunciarse como un catálogo de verbos, sucesión de actuacións establecidas nun lugar concreto que desencadea outra serie de actos por parte dos habitantes;
unha sorte de lei de Newton actualizada pola que as accións despregadas pola arquitectura levan consigo reaccións cidadás.

Case á vez que Baldessari conxugaba o seu abasto de termos, Richard Serra publicaba unha lista de infinitivos que precisaba a relación de accións que se poden aplicar á materia, un manual para un escultor, ou calquera creador, daquilo que pode chegar a facer; no seu centenar de accións condénsase a práctica escultórica da humanidade, a que foi e tamén a que puidese chegar a ser. O comezo dun proxecto de arquitectura na cidade tamén podería sintetizarse na semente dun glosario de expresións que indicasen diversos modos de proceder, amorear, subtraer, pregar…, que se enraizarán ou ramificarán logo nas nosas rúas; todo proxecto é unha metamorfose da materia.

Na mesma data que Baldessari, outro artista contemporáneo, Carl André, realizaba un exercicio parecido, unha sucesión substantiva que explicaba a súa obra: unha personalización subxectiva e un enriquecemento complementario da frialdade intelectual que podería achacarse á potencia conceptual da colecta de Baldessari. Entre estas listas movémonos todos, artistas, arquitectos, e, en definitiva habitantes da cidade, escenario palpitante que transformamos coas nosas miradas, pensamentos, e accións comúns.

Proxectar a arquitectura da cidade, suma de múltiples accións, require dunha taxonomía operativa de funcións: algunhas poderían referirse aos reaccións que xera a arquitectura ao entrar en contacto co medio, como no inventario de Baldessari, outras á transformación que causa na materia, reciprocidade das nosas ideas, ao igual que no catálogo de Serra, e outras, como na lista de André, á nosa implicación vivencial e comprometida, todo artista desexa estar sempre aos dous lados dunha liña inexistente, creando e ao mesmo tempo, vivindo. E así pasamos do pensamento á acción. Dende a mirada ao noso espazo común, quixeramos proclamar a frutífera converxencia da práctica artística e arquitectónica, e definir ambas as dúas en continuidade como unha acumulación de accións colectivas nun lugar. Artistas, arquitectos, cidadáns, estamos interesados no entendemento da cidade como unha acumulación de feitos e vivencias, Accións Comúns que dan sentido ao espazo público e das que todos os interesados podemos aprender estratexias de reflexión e acción para transformalo e melloralo.

A presente publicación recolle as intervencións e encontros do curso celebrado na Universidade Internacional Menéndez Pelayo en outono de 2013, coa participación de autores, arquitectos, artistas, escritores, de sensibilidade contemporánea e urbana, e de gran relevancia nos ámbitos académicos, creativos e intelectuais, acerca das relacións entre arte e arquitectura.

+ info

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: libros, publicacións

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,