O caso Bunshaft. Apuntamentos sobre a fraxilidade | José Antonio Sumay Rey

Nina y Gordon Bunshaft en la construcción de su casa de East Hampton, Nueva York Foto: Hans Namuth
Nina e Gordon Bunshaft na construcción de súa casa de East Hampton, Nova Iork. Fotografía: Hans Namuth

Poucos casos hai máis paradigmáticos sobre a cuestión da conservación da arquitectura moderna que o caso Bunshaft. Home áspero e de poucas palabras, Gordon Bunshaft (1909-1990) é coñecido internacionalmente pola Lever House (1952) e polo seu traballo na firma Skidmore, Owings and Merrill (SOM) onde desenvolvería toda a súa carreira ata 1979. A súa obra caracterízase por un delicado equilibrio entre forma e construción destilando unha elegante utilización da técnica construtiva como se pode apreciar en obras tan significativas como a biblioteca Beinecke (1963) en Yale, o Chase Manhattan (1961) ou o edificio Manufactures Trust (1954) ambos en Nova York. Fose polo seu traballo directo ou pola súa xerarquía sobre outros arquitectos da firma de Chicago, a mediados do século XX, a obra de Bunshaft exerceu unha enorme influencia tanto na imaxe de Manhattan como no downtown de varias cidades americanas.

Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller
Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller

En 1962, entre os grandes proxectos de SOM, Bunshaft constrúe a súa única vivenda unifamiliar, para el e a súa esposa Nina, nos Hamptons como retiro de fin de semana e sé dunha colección de arte contemporánea que con gran criterio reunira ao longo da súa vida. Coñecida polo material co que estaba revestida, a casa de travertino era, xunto ao seu xardín sobre Georgica Pond, un espazo privilexiado no que poder gozar da obra de Jean Dubuffet, Alberto Giacometti, Henry Moore ou Joan Miró.

 

Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller salón
Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller salón

Sen fillos no matrimonio, Bunshaft, que era membro da comisión de pintura e escultura do MoMA, e a súa esposa deciden que o museo será o herdeiro da súa colección e a súa vivenda; feito que se produce co falecemento de Nina en maio de 1994. O MoMA incorpora as esculturas e a pintura ao seu catálogo e vende a vivenda, sen ningunha protección, coa finalidade de constituír un fondo de adquisicions que levará o nome de Gordon e Nina Bunshaft. A casa é comprada pola estrela da televisión Martha Stewart en 1995 por un prezo que superou os 3 millóns de dólares.

Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller
Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller

Aínda que parece ser que a intención da estrela era manter a casa e para iso encarga unha remodelación interior a John Pawson, esta nunca se chegará a completar. Envolta en preitos co seu veciño, coa reforma sen completar e o travertino desmontado Martha Stewart cede a casa á súa filla Alexis quen a acabará vendendo en 2004 ao empresario téxtil Donald Maharam que será o que finalmente a derribe alegando o seu deplorable estado de conservación. Irónicamente a empresa de Maharam dedícase á produción de deseños textis dos Eames, Gio Ponti ou Verner Panton pero isto non evitou a demolición da vivenda en 2005. O que nos queda desta amarga historia son uns planos e as fantásticas fotografías que en 1964 fixo Ezra Stoller.

Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller
Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller

O caso Bunshaft recorda ao recente descubrimento do derribamento da casa Guzmán de Alejandro de la Sota e a conseguinte polémica en redes sociais e prensa. As circunstancias nas que se produce a demolición de ambos casos son moi diferentes pero os dous expresan a evidente dificultade de protección do patrimonio moderno e comparten o desleixo, o desprezo, a inacción das institucións e a ausencia de alguén que desexe habitar a casa e respectala.

Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller
Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller

Dicía Sotaque o maior problema da arquitectura é a solución da vivenda e a súa contorna. Arquitectos como Bunshaft ou Sota pensaron na vivenda como un xeito de aproximarse á forma de vida do ser humano e ambas foron construídas nun compromiso cos medios e ideas do seu tempo.

“Non hai obra sen idea”,2

dicía Sota e polo tanto a demolición destas arquitecturas significa a destrución do pensamento, a desaparición dunha idea sobre unha nova forma posible e distinta do habitar.

Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller
Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller

Pode resultar obvio recordar que as casas pertencen, non só patrimonial senón sentimentalmente, ás familias e á memoria daqueles que as habitaron. A pervivencia destas vivendas está vinculada desde a súa creación ás familias que as converteron no seu fogar. Sen elas e en ausencia de persoas dispostas a vivilas unha casa comeza o camiño descendente cara á ruína. Sirvan como exemplo os diferentes períodos de abandono que sufriron obras mestras como a Tugendhat ou a Savoye.

Segundo Juhani Pallasmaa a arquitectura de verdade sempre trata sobre a vida3; por iso a fraxilidade destas casas ha de entenderse como unha metáfora da propia fraxilidade da vida humana, dos seus principios éticos e a súa memoria. Ao contrario que outras arquitecturas, que por estar inseridas nunha trama urbana pertencen á paisaxe visual das cidades configurando a súa identidade e memoria, a vivenda moderna xeralmente pertence á memoria íntima das familias e ao reducido círculo dos estudosos e amantes da arquitectura. Obras como a de Bunshaft e Sota buscaban unha forma de habitar que reestableciese unha relación equilibrada entre o ser humano e a natureza: ambas gozaban dunha contorna natural privilexiada, a Georgica Pond na casa de travertino e a ribeira do río Jarama na Guzmán. Situadas na periferia de grandes cidades e afastadas do ámbito público, os seus derrubamentos prodúcense con nocturnidade e a súa desaparición descúbrese, case sempre, por casualidade.

Georgica Pond, East Hampton, New York, USA , 1962 Fotografía: Ezra Stoller
Travertine House, 1963, Gordon Bunshaft, Fotografía: Ezra Stoller

O caso Bunshaft advírtenos de que pouco importa a relevancia da arquitectura e o ser doada a unha institución sen ánimo de lucro e especializada na conservación do patrimonio artístico como o MoMA se non hai unha adecuada e necesaria protección destas casas. Sen un profundo coñecemento e divulgación social destas arquitecturas, sen unha actuación conxunta da propiedade e as institucións públicas e privadas, estas vivendas convértense en obxectos obsoletos cuxa ubicación en parcelas cun alto valor pode significar a súa sentenza de morte.

A desaparición ou a morte, tamén a dunha casa, deixa sempre abertas máis cuestións que certezas, quizais a única nos casos Bunshaft e Guzmán sexa que só desde a advertencia da fraxilidade do legado da vivenda moderna poderase evitar que acabemos falando do caso Domínguez ou do caso Huarte. Á fin e ao cabo, algo nos xogamos niso pois, como di Pallasmaa, sen estas obras as posibilidades da morada humana, da nosa comprensión da modernidade e de nós mesmos, serían considerablemente máis febles.

La Casa Guzmán. Archivo Fundación Alejandro de la Sota
La Casa Guzmán. Arquivo Fundación Alejandro de la Sota

José Antonio Sumay Rey. Doutor Arquitecto
Marzo de 2016, A Coruña

Notas:

1. de la Sota, Alejandro. “Entrevista en revista Método (1968)”. En Escritos conversas, conferencias, ed. Moisés Puente (Barcelona: Gustavo Gili, 2002)

2. de la Sota, Alejandro. “Memoria da casa Domínguez”. En Alejandro de la Sota (Madrid: Pronaos, 1989).

3. Pallasmaa, Juhani. “Identidade, intimidade e domicilio” (1994). En Habitar Pallasmaa, Juhani (Barcelona: Gustavo Gili, 2016)

4Pallasmaa, op. cit.

Bibliografía:

Adams, Nicholas. “Gordon Bunshaft: What convinces is conviction”. SOM Journal nº 9 (2014). https:com/@SOM/gordon-bunshaft-4a52e5b2852d#.ehsqny6y3//medium. (Consultado el 2 de marzo de 2017)

Krinsky, Carol Herselle. Gordon Bunshaft of Skidmore, Owings & Merrill. New York: The Architectural History Foundation, 1983

Arquivado en: artigos, José Antonio Sumay Rey

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,